Deseño

¿Queres saber cal é o preciso mecanismo mediante o cal unha moeda nova pode xerar beneficios reais na súa contorna? Neste apartado explicámosche en detalle o funcionamento da moeda e os fundamentos que están detrás deste deseño.

Fundamentos

Todo o deseño da moeda descansa sobre un principio básico común a calquer moeda. Para que o valor da moeda sexa estable o respaldo da moeda (todo aquelo que lle da valor) debe ser proporcional ao número de moedas en circulación. Se o respaldo aumenta porque a rede medra, deben aumentar o número de moedas en circulación ou o valor de cada unha subiría. Se o respaldo disminuíse… teríamos que repartirnos todas esa perda de valor proporcional ao número de Sabias que teña cada unha. Sí, pero contra iso pódense facer dúas cousas, deixar de crear novas moedas e intentar que a rede retome a súa utilidade real para satisfacer necesidades.

De forma natural dase un equilibrio similar ao da oferta e a demanda entre estas dúas variables das que depende o valor dunha moeda: o respaldo da moeda e o número de moedas en circulación.

Se aumenta o respaldo e queremos manter o valor da moeda estable, temos que crear novas moedas.

Se por algunha razón a relación entre respaldo e cantidade de moeda en circulación deixa de ser proporcional, o valor da moeda cambia. Isto refléxase na práctica en que os prezos das cousas que se mercan con esta moeda cambian. Vai un exemplo moi sinxelo:

Imaxina que sodes unha rede de 5 produtoras de verduras exóticas que como non tiñades euros dispoñibles decidíchedes aceptar entre vós unha moeda propia para intercambiar verduras entre vós. Todas adicades o mesmo esforzo a producir a vosa especialidade particular que vamos a supoñer que ten o mesmo valor, e cada día queredes vender unha das vosas verduras e mercar a de algunha outra productora para probar. Se só tiverades cinco moedas en circulación asegúrovos que ao cabo dun tempo o prezo das verduras sería de unha moeda.

¿Que pasaría se creamos 5 novas Sabias?

De un día para outro hai 5 novas moedas en circulación que fan un total de dez. Seguramente ao cabo de un tempo os prezos na vosa moeda pasen a ser o dobre para compensar este aumento da masa monetaria. Máis diñeiro en circulación e mesmas cousas á venta produce un efecto coñecido como inflación: a subida de prezos xeralizada.

Cantas máis Sabias hai en proporción aos bens e servizos intercambiados, maiores son os prezos.

Respaldo

Pero cómo sabemos qué respaldo hai en cada momento? Principalmente o respaldo é a súa utilidade, é dicir, en que se pode gastar e que se pode conseguir con ela, que depende en primeira instancia do número de usuarias da moeda e da cantidade de cousas que oferten (e da utilidade real destas cousas, e da capacidade de seguir aceptandoa, que depende de que a poidan gastar ou a queiran aforrar).

Comprometerse a aceptar a moeda a cambio de bens ou servizos non é a única forma de respaldo do valor. O valor das cousas é moi subxetivo. Comecemos por mencionar dúas cousas fundamentais que tamén respaldan o valor dunha moeda que son a reputación e as expectativas futuras.

Ollo, porque se un banco central ten fama de crear máis moeda da que a economía pode absorber, producindo inflación elevada, entón a reputación desa moeda é mala, e polo tanto o atractivo de aceptala diminúe notablemente. Ninguén quere unha moeda con perspectiva de perder parte do seu valor cada ano mentres haia cousas mellores que usar como diñeiro. E isto é importante porque unha moeda ten que ofrecer vantaxes ás usuarias fronte a outras coas que convive, por exemplo un valor estable.

Pero ademáis da reputación pasada as expectativas futuras xogan un papel fundamental. Se por exemplo tes a crenza, racional ou infundada, de que unha moeda vai valer máis no futuro, ¿non lle confire iso máis atractivo á hora de aceptala?

O respaldo é un conxunto de formas de valor, que se transmite por igual a cada moeda en circulación.

Pero non nos queremos quedar curtos porque o respaldo é moito máis que compromiso de aceptala, reputación e expectativas.

  • Pode ter un valor identitario ou simbólico
  • Pode ser que a tecnoloxía nos guste
  • Que nos fagan partícipes da toma de decisións
  • A comodidade e conveniencia ao usala
  • O potencial para captar novos clientes
  • Para conseguir recursos
  • Para integrar a colectivos como migrantes ou paradas
  • Para visibilizar o apoio mutuo e a economía invisibilizada dos coidados e do voluntariado
  • Pode ser que nos ofreza mellores garantías de seguridade ou que constitúa unha maneira de asegurarse que a economía non para se o euro falla
  • Ou se cadra unha forma de rebeldía co sistema monetario convencional que acarrea grandes inxustizas económicas
  • Ou pode ser que polo feito de que outras persoas a usen nós tamén o queiramos facer, hai xente para todo
  • Ou que os valores que a moeda fai realidade sintonicen cos nosos e lle teñamos certo apego.

Todo isto, e seguramente máis, son formas de valor que ten calquer moeda e que constitúen o seu respaldo, e dependen da subxetividade de cada unha de nós. Por iso, volvendo a nosa pregunta inicial, o respaldo é imposible de medir de forma directa e temos que observar a propia dinámica das interaccións entre usuarias (os mercados) que agregan todas as subxetividades das usuarias e fornecen indicadores fiables:

  • Aumento no número de usuarias e cantidade de ofertas no mercado online
  • Existencia de prezos dobres de forma xeralizada
  • Fluxo de entrada de euros nos comercios para mercar a nosa moeda
  • Incluso as propias experiencias persoais das persoas e o seu grado de satisfacción e compromiso verbal de aceptala.

Todo iso conta, e ainda así podemos errar. O importante é que se erramos veremos as consecuencias e poderemos rectificar de modo que pese a breves fluctuacións que se poidan dar o valor tenderá á estabilidade.

Creación monetaria en mans da xente

Xa que este respaldo é unha cuestión moi subxetiva todas debemos prestar atención a estes indicadores que nos mostran se hai unha perda de equilibrio entre a masa monetaria e o respaldo. Debemos sondear cal é a percepción da xente, dos mercados, sobre o valor da nosa moeda, sobre o seu poder adquisitivo (o que se pode e poderá mercar con ela).

A forma máis sinxela de detectar a opinión da xente é estar atentas a cando aparezan dobres prezos, un en euros e outro en moeda social, xa que é unha forma que temos as usuarias de dar unha opinión con carácter vinculante, xa que son os prezos que nos comprometemos a aceptar. Isto denota que a moeda non vale igual que un euro para, polo menos, algunha xente.

Pódese tolerar que existan diferentes percepcións sobre o valor da nosa moeda simultaneamente, pero debemos ponderalas e atopar un equilibrio que garantice un valor promedio estable. Polo tanto o que cabe facer cada certo tempo é evaluar cal é o potencial para crear nova moeda en base ao aumento do respaldo a través de indicadores do mercado, xa mencionados, sobre o valor da moeda nun momento dado, especialmente a mencionada aparición de dobres prezos de forma xeralizada (non simples usuarias puntuais). Antes de crear nova moeda debemos percibir que para a xente a nosa moeda vale algo máis que os euros (os prezos en Sabias son máis baratos ca os prezos en euros das mesmas cousas), polo que tamén observaríamos que hai un fluxo constante de xente interesada en cambiar os seus euros pola nosa moeda (outro indicador interesante). Todo isto será levado a cabo, como se explica máis adiante, por todas as persoas que queiran que mediante un proceso no que se compartirán estas percepcións e se debatirá brevemente. Cada unha dará unha opinión da cantidade que lle pareza a máis axeitada, e de entre todas esas sairá a adecuada.

A próposito do respaldo. A nosa moeda ofrece unha boa garantía de que quen a posee é porque contribúe activamente á nosa comunidade porque todas comezamos coa conta a cero e a única forma de conseguila é aportando algo en forma de bens ou servizos á rede (ou no caso dos proxectos elexidos para recibir doacións, ao común) ou mercándoa con euros aos comercios que máis acumulan (ou sexa, contribuíndo a que poidan seguila aceptando). Un respaldo intanxible a ter en conta.

Os proxectos gastan as Sabias que reciben mediante usos concretos, e estas pasan a circular entre todas nós.

A asamblea de creación

A asamblea de creación é unha reunión trimestral na que todas participamos en igualdade de condicións na toma de decisións sobre canta moeda crear e que proxectos a reciben, fundamental para materializar os valores que compartimos as participantes da moeda.

A asamblea de creación é o espazo onde diferentes formas de valor son recoñecidas mediante a óptima asignación dun recurso común xerado entre todas: moeda de nova creación. Búscase priorizar un impacto positivo no medio ambiente e na sociedade o máis directo posible pero dentro das posibilidades que acota manter o firme compromiso cun valor estable.

Para isto a asamblea de creación conta cos seguintes métodos de actuación:

  • Determinar, mediante unha consulta trimestral aberta por videoconferencia e usando un fío de Loomio, o estado da rede mediante todos os indicadores relevantes, e crear moeda en sintonía cun aumento do valor que respalda a moeda para así manter un valor estable. Abrimos un tempo para poñernos ao día sobre os indicadores e as nosas xustificacións do que pensamos que sería apropiado e despois todas emitimos unha estimación. Tomamos a mediana das estimacións dadas polas participantes como a cantidade a crear desta vez, que pode ser cero se máis da metade de xente así o considera.
  • Asignar esta moeda recén creada con sensibilidade por todas as formas de valor que o merecen a través de proxectos concretos. Recóllense candidaturas permanentemente nas que se especifica un uso concreto nun fío de Loomio e nun prazo extra de 15 días posterior ao acordo sobre a cantidade a crear permítese incorporar novas candidaturas. Despois ábrese outro prazo de 15 días para que cada cal seleccione as súas favoritas mediante unha votación en Loomio. Unha vez rematada sacamos uns porcentaxes a partir dos resultados da forma que se detalla no funcionamento interno e asignamos a cantidade acordada para cada unha das candidaturas elexidas.

Pero a participación activa para que os valores da moeda se fagan realidade non termina aquí. Ademáis da asamblea de creación e a posterior votación contamos con reunións de coordinación do traballo voluntario e unha asamblea anual encargadas de:

  • Tomar as decisións importantes sobre a dinamización da moeda que non poidan tomarse de forma autónoma polos grupos locais pola súa relevancia e impacto.
  • Poder de veto no mercado online de productos e servizos que deterioren a imaxe pública do proxecto.
  • Introducir novas tecnoloxías, ou cambiar as existentes, para facilitar o bó funcionamento da moeda, da dinamización ou da toma de decisións.

Unha forma de garantir que se controla adecuadamente a masa monetaria é que quen decide canta moeda se pode crear, todas as usuarias, non sexa a mesma xente que a vai a recibir, os proxectos candidatos a ser colaboradores.

Dinamización para que medre o respaldo

O traballo máis importante que require esta moeda é o de dinamización. Facer difusión, formación, comunicación cara dentro e cara fora, coidar a comunidade, exercer a transparencia ou contribuír a que se satisfagan necesidades concretas das usuarias a través do que se ofrece na rede. Hai moitas tarefas que poden repercutir nun aumento do número de usuarias, nunha maior capacidade de aceptar a moeda ou nunha mellora no impacto que se logra mediante os proxectos que reciben a nova moeda. Require presencia en todo o territorio galego, organizada a nivel local con certa autonomía, e consideramos que ten que ser un traballo voluntario, na medida do que cada unha poda e queira, e rotando cargos para que ninguén sexa imprescindible neste proxecto.

Todo este traballo repercute nun aumento da economía real que hai detrás da moeda e de outras formas de valor intanxibles que tamén contribúen ao respaldo do seu valor. Que o respaldo aumente é un requisito indispensable para poder crear nova moeda e así poder soster os proxectos encargados de xerar un impacto positivo.

Este traballo paralelo ao funcionamento do mercado online e dos intercambios de bens e servizos coordinarase a través dunha ferramenta dixital, Loomio. En cada localidade galega na que se forme un pequeno grupo de persoas animadas a difundir o uso da moeda tamén poden coordinarse da forma que queiran, preferentemente de maneira presencial.

Faise especialmente importante un encotro a nivel galego (físico e dixital) cada certo tempo no que intercambiar productos, facer a asamblea anual e compartir éxitos e fracasos na dinamización para aprender unhas das outras e enfrontarse a retos maiores como a presencia nos medios de comunicación ou á posible introducción de novas tecnoloxías, como moeda física en papel ou outra aplicación dixital mellor. Todo está aberto a ser modificado se nos poñemos de acordo.

Tecnoloxía

O proxecto comeza utilizando ferramentas gratuitas que permiten dar os primeiros pasos sen esforzo económico ningún. Pero existe un campo en grande expansión no relativo a tecnoloxías para crear comunidades de intercambio de bens e servizos e sistemas de gobernanza horizontal. É moi posible que vexamos nos próximos anos cómo ferramentas novas irrumpen neste sector, e se cadra pode virnos moi ben subirnos ao carro destes avances que repercuten nunha maior seguridade para toda a rede, custes económicos baixísimos e maior representatividade e radicalidade democrática na toma de decisións e na coordinación do traballo colectivo. Contemplamos que o proxecto vaia mostrando as súas limitacións e axude a crear moedas mellores nun futuro que serán benvidas con alegría a este ecosistema diverso multimoeda no que nos estamos adentrando dende a chegada das criptomoedas.

Algunhas opcións de deseño descartadas (de comezo):

  • Billetes e moedas físicos. (Conleva un custe en euros e un risco de falsificación. Estase estudiando utilizar libretas de papel se non presentan demasiados problemas de seguridade por ser unha solución barata para facer a moeda accesible)
  • Respaldo en euros permanente que garantice o cambio a euros da moeda, en maior ou menor medida, minimizando o risco de aceptala co que se facilita que o proxecto creza. (Hai que recadar e manter un fondo de euros igual ou proporcional á cantidade de moeda que queiramos crear)
  • Subvencións públicas e apoio institucional. (Non está garantizado, conleva moito traballo, esixe tomar forma legal, xera certa dependencia)
  • Contratación de entidade de pagos legal e cumprimento estricto con toda a normativa sobre diñeiro dixital. (Custa cartos, da traballo e esixe un fondo en euros. A nosa proposta ten un encaixe legal aceptable xa que non somos ‘diñeiro’ ao non garantizar cambio a euros e ter vocación de boa vontade entre veciñas, termos que ampara a lei, que en ningún caso obriga a utilizar o euro, como demostran a infinidade de redes de crédito entre empresas existentes.)
  • Emisión da moeda en base a crédito e non só doación a proxectos. (Engade complexidade á hora de comprender o funcionamento da moeda, o apoio a proxectos non é tan directo, require avaliar a calidade dos préstamos que se conceden, mutualiza os riscos, é un traballo que poden asumir actores dentro da rede sen necesidade de ser a organización, que poden presentar candidaturas especificando tal uso.)
  • Plataforma que permita interoperabilidade con outras moedas facilitando así o seu cambio por outras divisas, dando maior liquidez ás usuarias pero xerando volatilidade no seu valor. (Require tecnoloxías que neste momento non son gratuitas, facilita a especulación, reduce o grado de compromiso que se asume ao aceptala)
  • Grupo promotor profesional e remunerado. (Require cartos e engade complexidade e tempo ata lanzar a moeda así como dependencia co persoal asalariado e risco de servir intereses particulares)
  • Traballo voluntario remunerado con moeda de nova creación. (Dificulta un bó control da masa monetaria, desvía o foco de atención do impacto que se quere conseguir, engade dificultade na toma de decisións.)

En xeral primouse facer algo sinxelo, autónomo, rápido e barato. Seguro que hai deseños mellores pero ante todo este pretende ser eficiente, e sempre o podemos ir modificando entre todas se nos poñemos de acordo nunha asamblea anual, respetando os principios fundamentais da proposta.

Inspiración

As moedas sociais e bancos de tempo non son un fenómeno novo. Existen casos moi exitosos nos que se pode ver o potencial transformador que teñen estes proxectos. Queremos que coñezades algúns deles:

Turuta (Vilanova i la Geltrú), Sardex (Cerdeña, Italia), Ithaca Hours (Nova York, EEUU), Moneda Libre G1 (Francia), REC (Barcelona).

Tamen contamos con varias experiencias en localidades galegas:

Os Costavales (Santa Comba), a Pancha (Ribadeo), os Xiríns (Lugo) ou a Landra (Compostela).

E proxectos que están por chegar como a Caixa Virtual (Vigo).

Últimamente o movemento das moedas sociais está en voga trala crise do COVID-19. Esté vídeo recolle moitas experiencias latinoamericanas que compartena súa sabedoría con nós:

Podedes profundizar máis no tema do deseño monetario a través da sección de formación e sobre todo participando e asistindo a algún evento formativo gratuito que organizaremos, e organizaredes vós mesmas, cada pouco para que quenes teñamos máis tempo e interese poidamos discutir e compartir información sen saturar os grupos comúns.

Se queres comprender aínda mellor como funciona todo o mellor é experimentar participando de forma máis activa na moeda. Quenes estamos detrás non somos especiais, somos persoas coma ti.

Crea tu página web en WordPress.com
Empieza ahora
A %d blogueros les gusta esto: