Resumo mensual Nº2. Marzo 2021

Pasaron uns meses dende o último resumo mensual pero é que a Sabia cocíñase a lume lento. Non hai ningún tipo de premura que nos faga implicar máis forzas das que temos, xa que a nosa moeda mantén o seu valor no tempo. Estamos abertas a que cada vez sexamos máis as que vamos facendo cousiñas de cando en vez para coidar o proxecto pero de momento este é o ritmo que damos mantido.

Nesta ocasión traemos noticias fresquiñas e moi enerxizantes:

Deseñáronse uns trípticos porque xurdiu a necesidade de pasarnos a difundir a moeda por algúns comercios interesados e nos parecía que axudaría moito deixarlles algo que explicase brevemente os pasos a seguir para comezar a usar a moeda. Este foi o resultado:

E grazas á cooperativa gráfica Sacauntos S.Coop Galega imprimimos 500 trípticos, pagados 100% en Sabias de nova creación (108,90 Sb) , que debemos repartirnos entre nós para ir deixando nos comercios que mostren certo interese pola nosa moeda para animalos a dar o sinxelo paso de aceptala. De feito, en breves temos que organizar unha reunión presencial mantendo as medidas de seguridade para repartirnos estes folletos e facelos chegar a todas partes. Iso sí, non esparcilos ao chou se non deixalos onde xa teñamos un contacto previo feito e boas posibilidades de ter un novo puntiño no mapa.

Tedes aquí o arquivo pdf por se queredes imprimilo e repartilo pola vosa conta:

Por outra banda cabe recoñecer que durante un tempo estivemos todas bastante ocupadas e o número de persoas activamente difundindo a moeda segue a ser pequeno. Cando fagamos a próxima reunión de traballo online considera pasarte e ver que che apetece aportar. Soemos facer unha enquisa rápida no grupo de telegram para ver que día nos coincide mellor a todas. Se tes ideas de comercios, tendas ou empresas que poidan querer participar non preguntes, actúa! Faite cuns folletos e pásate por alí.

Recéntemente fomos convidadas á primeria conferencia iberoamericana de moedas sociais a dar a coñecer a nosa moeda e o noso peculiar deseño que a fai diferente ao resto de moedas sociais que existen por outros lados. Será o Sábado 27 ás 17:00. Aqui tedes a web.

Tamén decidimos dar unha nova cantidade de moeda de nova creación ao Monte Veciñal de Couso en vista as próximas actividades de deseucaliptización, coidado e explotación do monte. Desta vez optamos por ir dando a moeda en cantidades máis pequenas para evitarmos que se acumulen de máis, como nos pasou con Verdegaia, que co tema Covid están tendo difícil poñer en circulación as 4500 Sb que lles deramos. Agora a Couso dímoslles 500 Sb de nova creación.

Outro avance foi adquirir por 25€ unha licencia de cyclos de por vida, para así contar con todas as funcionalidades (xa non hai límite máximo de anuncios e moitas cousas máis). A quenes puxeron os cartos regalóuselle unha catidade equivalente de Sabias de nova creación (25 Sb).

Tamén se fixo algunha reunión online e vimos como pouco a pouco vaise sumando xente nova ao grupo de telegram e cada semana atopamos novas ofertas na aplicación. Os intercambios reais aínda son pouco pero algún xa hai. É esencial que logremos ampliar o número de persoas, tendas e comercios que acepten a moeda, aínda que sexa a modo de desconto. Que cad vez haxa máis servizos que poidamos conseguir por Sabias e que máis e máis xente teña a fermosa experiencia de recibir e pagar ca nosa moeda.

E sempre quedan cousas faladas por facer, como pasar a visitar a quenes mostraron interese nun pasado cercano, agora sí, con folleto en man. Outra cousa pendiente é retirar Loomio do kit de ferramentas que imos usar xa que a versión gratuita ten demasiadas limitacións. Hai pendente polo tanto reescribir o modelo de funcionamento que pretendemos seguir en canto isto se faga máis grande en canto a cómo se decide canta moeda crear e que proxectos eleximos de entre os moitos que a queiran recibir. Malo será non atopar unha forma de facer votacións.

Aqui está a proposta de funcionamento actual:

E tamén nos falta cambiar algo na web para que se entenda mellor de que vai isto, porque xa van varios casos de persoas que nun primeiro vistazo non asocian á moeda aos múltiples usos que despois pode ter a nivel de intercambios posibles, e incluso pensan que non é gratuito participar nela. Ten que estar máis claro que somos unha rede onde botarnos unha man unhas ás outras, facer consumo local, mover cousiñas de segunda man, colaborar con proxectos…

«de primeiras pensaba que iba destinada a uns «fins concretos» e non esperaba para nada poder topar con servizos coma clases particulares, casas en cesión, amaños de aparellos…»

E bueno, pese a que nos corten as reunións en zoom aos 40 minutos e con isto da pandemia non poidamos espallar demasiado a moeda en actividades colectivas nin coñecernos en persoa imos avanzando e temos a ferramenta lista para o que veña.

En definitiva, este é o momento de que cada unha de nós, que creamos nesta ferramenta, a demos a coñecer e invitemos así a quen realmente o precisa a participar nesta rede, que son sobre todo o comercio local, as persoas autoempregadas e en definitiva todo aquel que queira ter maior relación cas súas veciñas.

Recordade que todo se fai de forma voluntaria e que se tes ganas de participar e ser unha máis tirando do carro só tes que facer unha proposta no grupo de telegram ou na próxima reunión virtual de traballo.

Unha forte aperta de parte de alguén que acredita no futuro.

Dejar un comentario

Diseña un sitio como este con WordPress.com
Comenzar