Respondemos a dúbidas que chegan ao mail

Nos últimos días recibimos no mail da moeda algunha mensaxe na que se nos pedía aclaración sobre certos aspectos da moeda que non estaban suficientemente claros, ou suficientemente xustificados. Aproveitamos a oportunidade para intentar responder a estas dúbidas e compartir con todas vós as nosas respostas.

Como veredes para responder a estas cuestións teremos que remitirnos a fundamentos de deseño das moedas complementarias en xeral. Un campo que está en constante evolución, no que non hai receitas fixas, pero sobre o que estamos tomando unha posición concreta que espero que tamén teña sentido para vós. Imos aló:

Polo que vexo o deseño da Sabia está orientado para que dende a asamblea decídase a cantidade de moeda a crear en función do número de usuarios e proxectos que se sumen.

Todas as citas están extraídas directamente dos mails que recibimos.

Como ben dis a asamblea debe decidir canta moeda crear, pero o criterio a seguir non é o número de usuarias ou proxectos que se sumen. Hai outras experiencias de moedas sociais, especialmente as de crédito mútuo, que deciden que por cada nova usuaria se crea unha cantidade e por cada tenda ou comercio outra, ademáis da moeda que queiran crear cando así o conveñan. Isto non o fan creando directamente novas unidades se non que como o seu sistema admite valores negativos crean nova moeda (nova capacidade de gastar) modificando os límites de endebedamento.

Pero isto non garantiza que na práctica a moeda manteña un valor estable. O valor irá fluctuando en función de moitos parámetros (entre os que por suposto se inclúe o número de usuarias e de proxectos que usan a moeda, pero non só). Está claro que o aumento na adopción da moeda como medio de intercambio inflúe positivamente no respaldo da moeda. Canta máis xente a utilice maior utilidade terá. Pero por poñer un exemplo, se as cousas que se ofrecen non resolven necesidades reais das usuarias ou se a capacidade de aceptar a moeda (que a miudo se fai a costa de deixar de ingresar euros utilizando a moeda no seu lugar) das novas usuarias é moi baixa, por moito que aumenten as usuarias pode que o respaldo non o faga (aumentar) na mesma proporción en que se crea nova moeda (en forma de límites de endebedamento, pero que na práctica é o mesmo quer crear nova moeda).

As usuarias (sempre que estemos ben informadas e algo formadas no tema) xa percibimos a utilidade real da moeda e o risco que conleva aceptala, así que a miúdo decidimos poñer prezos máis altos ou máis baixos que o prezo que poríamos en euros, se discrepamos na equivalencia de valor das dúas moedas (moeda social e euros). Isto pódese comprobar na experiencia de moitos bancos de tempo e moedas sociais de crédito mútuo, nas que aínda que se establece un valor de referencia con respecto ao euro, algo que simplifica moito os cálculos á hora de poñerlle prezo as cousas (o euro manten un valor relativamente estable e estamos afeitas a él polo que é un bó valor de referencia), na práctica, o valor que cada usuaria lle da á moeda difire deste valor de referencia. Isto conleva a aparición de prezos diferentes entre moeda social e euros que veñen a contradir o valor de referencia establecido. Se por exemplo unha comunidade de moeda social perde usuarias o habitual e que todas teñamos máis reticencias a aceptar a moeda e polo tanto, se antes cobrábamos a masaxe a 10 unidades, agora igual preferimos facelo por 15.

En vez de ser a asamblea a que teña que dicidir que valor ten este respaldo difícilmente cuantificable, o que hai que facer é observar cómo reaccionamos todas as usuarias a este incremento na utilidade, que ocorre cando aumenta o número de usuarias e proxectos da moeda, ou a calquera outra variación. A opinión de cada unha de nós, mellor dito, a suma de todas as nosas opinións, o agregado de opinións sobre o valor das cousas maniféstase en que cada unha de nós, subxetivamente, apreciaremos a moeda como máis ou menos valiosa e polo tanto se reflexará no equilibrio entre oferta e demanda que fixa os prezos. Por poñer un exemplo, se aumenta a percepción subxetiva sobre o respaldo para as usuarias da moeda, van a estar dispostas, na negociación habitual que se da en calquer mercado entre oferta e demanda, a aceptar menos moeda polos bens ou servizos que oferte, que siguen mantendo o mesmo valor. Se antes o kilo de patacas o estaba conseguindo vender a 1 unidade, agora acepto que mo pagen a 0,80 unidades porque opino que esa moeda vale máis que antes. O que hai que observar para decidir canta moeda crear é o valor que ten a moeda para todas nós, a nivel práctico, a través do mercado libre que construimos a través das ofertas e demandas de bens e servizos.

Polo que dicides hai unha preocupación moi grande polo valor da moeda e a posible inflación asociada. Pregunto: o valor da moeda en relación ao €?

Efectivamente hai unha preocupación moi grande polo valor da moeda e a posible inflación (perda de valor no tempo) xa que pensamos que un valor estable é unha característica moi valiosa para unha moeda que pretende ser xusta. Tanto é así que preferimos tomarnos a molestia de ter que decidir na asamblea canta moeda crear con tal de ter unha ferramenta efectiva, a creación monetaria, para controlar que o valor non suba do establecido. Por desgracia o único que se pode facer para que a moeda non baixe de valor e asegurarse de que o respaldo, tan amplio como é (reputación, nº de usuarias, utilidade práctica, economía circular, etc…) non diminúa. Pensamos que non é tan grave que o valor baixe, que é un risco repartido entre todas as que temos Sabias na nosa conta, coma que o valor xere expectativas de subir, que invita á especulación. E con respecto á segunda parte da pregunta, ¿o valor con respecto a que? Pois en realidade o valor dunha moeda mídese polo valor das cousas que se poden mercar con ela, é dicir, o poder adquisitivo de cada unidade monetaria. Neste caso: ¿Qué se pode conseguir nun determinado momento cunha Sabia? Se queremos unha moeda realmente estable deberíamos asegurarnos que este poder adquisitivo se mantén no tempo. Pero é difícil medir o poder adquisitivo xa que o valor das cousas é relativo, e as veces os cambios no prezo non se deben a unha falta ou exceso de moeda en circulación se non a factores productivos, como malas colleitas, esgotamento de recursos finitos ou novas tecnoloxías, que fan que os prezos de certos bens ou servizos se encarezan ou se abaraten. De todas maneiras penso que unha comunidade como a da Sabia podería, se quixera, conservar un poder adquisitivo no tempo, é dicir, manter un valor verdadeiramente estable da súa moeda, pero debemos comprender que ademáis da dificultade existe unha desventaxa en facer isto. Sabemos que o euro, como todas as moedas FIAT, perde valor cada ano debido a unha continua inflación que ven provocada intencionalmente polo exceso de creación monetaria que se fai necesaria para manter o sistema. Se quixéramos manter un valor estable na nosa moeda social teríamos que aceptar que a relación co resto de moedas FIAT tería que ir cambiando no tempo, sendo a nosa moeda cada vez máis valiosa con respecto a estas. Pero entón obligamos a todas as nosas usuarias a ter que facer unha conta matemática cada vez que queren vender algo na nosa moeda, xa que temos asumido os euros como valor de referencia. A comodidade que aporta que as dúas moedas teñan un valor igual é un gran activo que respalda a nosa moeda. Podemos intentar que a nosa moeda manteña un valor estable con respecto ao euro para manter unha utilidade e simplicidade que facilite que nova xente se incorpore á rede e que sexa máis cómoda de utilizar para todas. É certo que desta maneira o poder adquisitivo da nosa moeda diminúe co tempo da mesma maneira que o fai o poder adquisitivo dos euros, que cada vez serven para mercar menos, xa que os prezos das cousas van subindo. Pode ocorrer que fronte a un desplome grave do valor do euro, ou calquer outra circunstancia, decidamos deixar de priorizar a equivalencia co euro e prioricemos a conservación do poder adquisitivo da nosa moeda no seu lugar. Isto poderíase facer se a asamblea formada por todas as usuarias o considera benficioso.

Fálase de adicarlle moito tempo e esforzo a valorar o respaldo (que é unha cuestión moi subxectiva como ben dicides). Faláse de cousas complicadas como sondear a percepción da xente, dos mercados(????), facer unha subasta a cambio de €….; “Indicadores do mercado sobre o valor da moeda” (????); “Antes de crear nova moneda debemos percibir que a nosa moneda vale algo máis que os €”

Aquí agradecemos moito os comentarios porque realmente non está moi ben explicado no apartado do deseño da moeda. A ver se podemos subsanar a falta de claridade. O primeiro creo que xa quedou respondido. A asamblea (o grupo) non ten que esforzarse por valorar o respaldo da moeda para decidir canta moeda crear en sintonía. Isto xa o facemos cada unha de nós de forma automática (estamos afeitos a movernos nun mercado de oferta e demanda) e asumindo responsabilidade cada unha de nós sobre a nosa percepción a través dos prezos que poñemos ás cousas que ofertamos e a través dos prezos que aceptamos nas cousas que mercamos. A asamblea ten que observar cal é a nosa percepción agregada, a de todas as usuarias, e reaccionar consecuentemente. É certo que poden cohexistir diferentes opinións simultáneamente sobre o valor da nosa moeda, pero coido que a asamblea buscará acertadamente un valor intermedio que teña aceptación maioritaria. Que a asamblea se poida equivocar pode ocorrer, pero ten a opción de reaccionar (crear máis ou menos se fose necesario), polo que non creo que sexa tan difícil aproximarse á cantidade necesaria de Sabias para ir mantendo un valor estable no tempo. A asamblea de usuarias é unha garantía, na miña opinión, suficiente, de que o valor se manterá estable nun rango tolerable.

Cando falamos de sondear a percepción da xente estamos falando de identificar feitos observables que nos indiquen se na práctica as usuarias utilizamos a Sabia coma se tivese o valor dun euro ou non. A continuación nomeaba algúns exemplos que non son máis que ideas que a asamblea podería levar a cabo se o considerase para asegurar que o valor na realidade da nosa moeda se manten equivalente a o euro e que polo tanto quen asume esta premisa desde un inicio, e pon o mesmo prezo en Sabias e en euros, non sae perxudicada. Se alguén asume de maneira confiada (sen observar os prezos das cousas no mercado e valorar a utilidade real dunha Sabia) que o valor da Sabia é 1 euro e resulta que a Sabia vale máis, entón está poñendo un prezo moi elevado perdendo posibles clientes. E aínda peor, en caso de que a Sabia valese menos que un euro, estaría poñendo un prezo demasiado barato polo que estaría perdendo cartos.

Os mercados somos nós mesmas, as persoas que interaccionamos con esta moeda. Os mercados son a suma das opinións sobre o valor da moeda de todas as usuarias. Os mercados maniféstanse a través dos prezos que funcionan no mercado online, aqueles polos que hai alguén disposta a vender e alguen disposta a mercar e que dan pé a que ocorran transaccións. O resto de prezos, que non funcionan, non reflexan unha opinión colectiva sobre o valor da moeda, senón individual (deixando a un lado a subxetividade sobre o valor dos bens e servizos en sí, que tamén inflúe á hora de que se den ou non intercambios). O mercado é un espazo de negociación constante entre oferta e demanda sobre o valor das cousas a través dos prezos. Se por exemplo vemos que algo que costa 10€ se oferta con éxito no mercado online por 5 Sabias entón isto nos indica que quen o ofrece valora que a Sabia vale o dobre que un euro. Se isto pasa de ser unha conducta puntual, un caso excepcional, é pasa a ser unha conducta xeralizada en todo o mercado online, entón a asamblea ten que reaccionar creando máis Sabias para contribuír a que estes prezos aumenten e se acaben equiparando ao seu prezo en euros. A existencia de dobres prezos de forma xeralizada (un en euros e outro diferente, para a mesma cousa, en sabias) é un indicador fiable para saber se o respaldo da moeda aumenta ou diminúe e se se precisa crear nova moeda (se os prezos en sabias son menores que os prezos en euros) ou parar de creala ata novo aviso (mentras os prezos en Sabias sexan maiores que os prezos en euros).

Cando decimos que antes de crear nova moeda debemos percibir que o mercado opina que a nosa moeda vale máis que o euro nos referimos a que hai que detectar que os prezos en Sabias son menores que os prezos en euros. Pero hai outros indicadores posibles que mencionábamos. Un sería o de facer unha subasta, xa que é unha boa maneira de obter unha proba fiable de que a nosa moeda vale máis ou menos que un euro. Poñemos 10 Sabias á venta en forma de subasta e vemos canto estamos dispostas a pagar por elas. Se ninguén da máis de 9€ entón debe ser porque ninguén cree que valgan máis que iso. Se pola contra a xente está disposta a dar máis de 10€ é porque pensan que os valen. Simplemente é un indicador máis, non quere decir que teñamos que decidir en base a un só indicador. Sempre nos pode pillar un día en que ninguén leve cartos enriba para puxar ou pode vir un tolo á subasta e estar disposto a pagar 100€ por unha Sabia. Non quere decir que todas pensemos igual, pero polo menos hai alguén que sí o fai. Outro indicador sería que, se é posible mercar Sabias con euros a quen acumula máis Sabias das que pode gastar, entón podemos observar como é a tendencia da compra de Sabias con euros. Se vemos que cada vez máis xente compra Sabias con euros pode querer decir que pensan que vale máis que un euro, e pola contra, se de repente se deixase de comprar Sabias por euros debe ser porque ninguén cree que a Sabia valga un euro ou máis, senón menos. Tamén se por exemplo os comercios ou as persoas deciden vender as Sabias por un valor diferente a un euro (algo que podemos tolerar ou non, aínda que difícilmente controlar). E por último existe un último indicador que é observar o impacto que ten a previa creación monetaria. Se a pesares de crear nova moeda vemos que os prezos das cousas siguen prácticamente iguais quere decir que hai marxe para aumentar o número de Sabias que crear. Sería unha cuestión de ensaio e erro.

Que a Sabia teña un valor con respecto ao € convértese nun obxectivo e plantéase que lle adiquemos moito tempo e esforzo. 

O obxetivo é que a Sabia manteña un valor relativamente estable e que sexa fácil de usar, polo que optamos por que sexa equivalente ao valor do euro, que vai perdendo poder adquisitivo lentamente no tempo pero que constitúe a referencia de valor máis importante para a maioría de persoas en Galicia (algunha igual segue pasando os prezos a pesetas). Adicarlle tempo e esforzo? En parte sí. É unha molestia ter que adicar parte do tempo da asamblea a decidir cantas Sabias crear pero non creo que sexa moi difícil tendo en conta que contamos cun obxetivo claro que fixa a cantidade de Sabias que podemos crear, con indicadores bastante representativos que xa mencionamos. Pero a aposta desta moeda é lograr un valor estable, por riba de aliviar absolutamente a toma de decisións e a necesidade de gobernanza, como sí fan moitas criptomoedas que asumen unha gran volatilidade no seu valor. Xa intentamos que fosen as menos cuestións posibles as que estiveran abertas á debate (canta moeda se crea, que proxectos a reciben e poder de veto no mercado online). Todas as decisións de deseño teñen pros e contras. Haberá que ver que tal funciona a intelixencia colectiva á hora de determinar a cantidade de moedas a crear.

Hai dúas posibilidades para cambiar Sabias por €, que unha amiga quérachas mercar ou mercalas nunha tenda física. Como si a moeda fora un obxecto físico que se puidera comprar e vender, como fan os mercados de moeda…

Se ben os mercados de divisas son desprezables porque neles se da actividade especulativa e inxustizas derivadas da mala distribución da riqueza e do afán individualista e competitivo que xera gañadoras e perdedoras, o que non podemos negar é que unha característica fundamental de calquer forma de diñeiro, que pode ser tamén unha limitación deste tipo de ferramentas, é que o uso da moeda é libre. O portador pode decidir libremente en que gastalo ou a quen transferirllo. É imposible tratar de controlar que fai cada persoa co seu diñeiro polo que realmente a opción de prohibir que a nosa moeda, sexa de crédito mútuo ou sexa como a Sabia, sexa intercambiada por outras moedas, é unha opción de desño que esixe un control moi forte sobre a moeda. É certo que os bancos queren acabar co diñeiro en efectivo para aumentar precisamente o control sobre as transaccións, pero considero isto algo indesexable xa que debería ir acompañado dunha maior representatividade dos órganos de control fronte a todas as usuarias, e como ben sabemos, os sistemas de representación precisan unha actualización forte. De momento non dan garantías de que ese poder de control non sexa usado en detrimento dos intereses das usuarias do diñeiro.

Unha ferramenta como esta non pretende controlar o que cada quen fai cos cartos. Nin sequera pretende controlar quen entra na moeda e quen sae (a excepción do mercado online, no que a asamblea ten poder de veto de produtos ou servizos que poidan deteriorar a imaxe do proxecto, peza clave do respaldo da moeda). Dende logo non se quere favorecer de ningunha maneira que o cambio entre a nosa moeda e outras sexa doado xa que pensamos que cando adquires a nosa moeda adquires un compromiso de gastala na rede, e se a poideses cambiar por euros en calquer momento, o risco de aceptala sería menor, claro, pero o compromiso sería menor tamén e polo tanto o sentido de utilizala se perdería un pouco, xa que queremos precisamente incentivar o consumo de proximidade, que o euro non favorece para nada.

Sen embargo hai dúas accións de compra e venta da nosa moeda con euros que resultan beneficiosas e desexables para toda a comunidade de usuarias, que operan de forma sinérxica. Hai persoas que non poden aportar bens ou servizos á rede pero que queren participar na moeda, e o único que poden ofrecer son euros (o típico caso son persoas pensionistas que demandan bens e servizos que se ofertan na nosa moeda, e que queren colaborar a que a rede medre). Por outra banda, moitas tendas ou productoras que ofrecen bens e servizos moi demandados teñen dificultades para aceptar a moeda xa que non atopan onde gastar tal inxente cantidade de ingresos en moeda social. Estas tendas e productoras da rede estarían encantadas de poder aceptar máis moeda pero non poden. Sen embargo, se poden cambiar parte da moeda por euros, que de seguro precisan, entón poden seguir aceptando moeda social un pouco máis. A estas usuarias que tenden a acumular moeda (o que denota unha falta de economía circular) podemos axudarlles a seguir aceptando a nosa moeda (o que nos viría ben a todas as que demandamos o que ofrecen) se poñemos en contacto a persoas que queren mercar a nosa moeda con euros (o primeiro caso que comentábamos) con elas. Por isto decidimos poñer na web claramente que se estás interesada en mercar a nosa moeda podes pasarte por calquera tenda con local físico e ver se cha queren vender, xa que son estas tendas as que soen acumular máis moeda e teñen máis dificultade de gastala. Incluímos a persoas que só queren aportar euros á comunidade e aumentamos a capacidade de aceptar moeda das tendas e productoras máis demandadas, o que revirte nunha maior utilidade da nosa moeda (e polo tanto un maior respaldo).

Porque a xente achegaríase a unha tenda interesada en mercar Sabias??

-Coa expectativa de que suba o seu prezo en relacion ao €??. Entendo que esta non é a resposta que buscades. Si esto é así, eu baixo xa… 🙂

-Entendo que para que ocorrera esto a persoa que se achega á tenda con intención de mercar moeda sería porque a precisara e non puidera facerse coa moeda de outro xeito. É bo que alguén precise moeda porque quere dicir que lle interesa algo da rede, pero non é bo que non poda conseguir a moeda, que non poda entrar na rede. 

Como ben dis a intención non pode ser mercar a moeda coa expectativa de que suba de valor porque xa está a asamblea ao timón da creación monetaria para compensar calquer subida no seu valor poñendo máis Sabias en circulación. É máis ben pola segunda opción, que algunhas persoas non a poidan conseguir porque non teñen productos ou servizos que ofertar. En moitos casos isto se resolve cun pouco de imaxinación pero pode ser que algunhas persoas de verdade non teñan forma de ofertar nada á rede (como decíamos poden ser xubiladas ou persoas en situacións de falta de tempo dispoñible en absoluto). A estas persoas dámoslle unha opción máis, que é que se teñen recursos económicos dispoñibles poidan mercar a Sabia con euros, xustamente para non deixalas fora.

Coa Sabia non acabo de entender como tiñades plantexado o tema: A asamblea asígnalle moeda de nova creación a un proxecto, pero que tipo de proxecto?. Na Turuta (outra moeda social) son de ese estilo: hay unha horta que ten unhas necesidades definidas.. Aquí tamén sería así?
Eu son psicólogo, si quero ofrecerme como terapeuta en Sabias…. esto sería un proxecto polo que se crearía moeda?

Unha vez que a asamblea decide a cantidade de Sabias que se teñen que crear toca decidir quenes as reciben. Para evitar conflictos de interese e por ter un impacto ambiental e social positivo (xa que non controlamos nin o uso da moeda nin quen entra na moeda), as Sabias de nova creación teñen como destino diferentes proxectos que se ofrezan a aceptar as doacións e que sexan elexidos pola asamblea. Se todas consensuamos que son proxectos que están xerando un valor social ou ambiental que merece ser recoñecido, entón decidimos con eles cal será o uso preferente que farán da moeda e procedemos a facer a doación. Pode presentarse quen queira, pero supoño que optaremos por proxectos marcadamente altruistas, ou formas de producción con externalidades positivas. Aquí xa desde o deseño non nos metemos.

Por último decir que no mail tamén se fala dos sistemas de crédito mutuo e se salientan algunhas carcterísticas positivas:

-Os cartos créanse ao efectuar a transacción (non é necesario o esforzo consciente dunha asamblea!!)

-Non existen débedas, nin intereses (estar en negativo implica que debes aportar algo á comunidade, só iso)

-Os cartos son ilimitados e de fácil acceso ás persoas que estean interesadas en ofrecer algo á comunidade (non se entende a modea como un obxecto, se non como unha unidade de información que indica a túa relación coa comunidade. Desta forma elimina calquera opción de especulación cos cartos)

Pensamos que a comparación entre o noso deseño e os sistemas de crédito mutuo merece un análise a parte que faremos en breve.

Esperamos que as vosas dúbidas quedasen aclaradas. Calquera cuestión ou idea que vos ronde a cabeza enviade un mail a ASabia@protonmail.com ou deixade un comentario neste mesmo blogue.

Deja un comentario

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

Crea tu página web en WordPress.com
Empieza ahora
A %d blogueros les gusta esto: